domingo, 18 de xuño de 2023

Recolleita de cantares populares das nosas familias: Os nosos cantares (marzo-xuño)

 No mes de marzo iniciouse a 2ª actividade pertencente ás Lecturas en familia. Baixo o nome de Nicrariense musical pretendía a posta en valor da tradición musical e literaria da comarca Terra de Barcala a través da recuperación de cantigas / cantares populares asociados a festas, tradicións, costumes, etc.

Como 1º parte do proxecto, o alumnado de 3º da ESO e de 1º de Bach debería entrevistar a un membro da súa familia ou veciñanza para obter información sobre as celebracións tradicionais e conseguir unha interpretación musical (gravada) dalgunha peza destas características.

Co conxunto das pezas conseguidas pretendíase facer unha pequena publicación que incluíse as pezas musicais recollidas polo alumnado, así como divulgar a experiencia a través das canles dixitais do propio centro educativo.

Como 2ª parte do proxecto, invitaríase ás familias do alumnado participante no proxecto ou a aquelas persoas entrevistadas para o mesmo a unha xornada de convivencia no centro cun grupo de música tradicional galega para a posta en valor da nosa música tradicional.

Nesta ocasión, o alumnado de 3º da ESO e de 1º de Bach do noso IES, coordinado por dúas profesoras do equipo da Biblioteca, entrevistou ás súas familias e veciños para realizar gravacións de cantigas populares da Terra de Barcala (concellos de Negreira e A Baña), onde reside a maioría do noso alumnado. O proxecto excedeu as nosas expectativas posto que o alumnado recolleu tamén composicións doutros concellos onde teñen familia: así atopámonos con cantigas de concellos próximos como Santa Comba, Brión, Ames ou Santiago de Compostela, mais tamén doutros máis afastados como a Serra de Outes, Trazo, Ribeira ou Sarria. A calidade dos textos recollidos animounos á realizar unha selección dos mesmos e a preparar a súa edición en libro co fin de compartilo coa nosa contorna. 



A edición en libro, que pode descargarse gratuitamente neste enlace, vai acompañada das gravacións (en audio e vídeo) dos textos do libro para gozar tamén da calidade musical das mesmas. A dita antoloxía pode accederse neste enlace.

A presentación "oficial" da nosa publicación comezou o martes 20 pola mañá cunha entrevista en Radio Negreira na que unha das coordinadoras do traballo, acompañada de 3 dos alumnos participantes, presentaron o proxecto á comunidade e convidaron ás familias a asistir ao acto de presentación no salón de actos do IES pola tarde.

Esta entrevista pode descargarse nos podcats de Radio Negreira ou tamén escoitala directamente aquí:

O martes 20 de xuño, pola tarde, realizouse a presentación da publicación no centro educativo nun acto que contou coa participación das familias do alumnado e que foi amenizado musicalmente  polo grupo de pandereiteiras Limagoia, quen nos ofreceron unha clase maxistral sobre os instrumentos de percusión tradicionais.





 

Pódese acceder ás fotos e vídeos desta presentación neste enlace.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Programa Lectura e familias no IES Xulián Magariños de Negreira: xénese dun proxecto

 Entre os obxectivos da Biblioteca escolar do centro para o presente curso 2022-23 estaban afondar nas liñas de colaboración coas institució...