domingo, 18 de xuño de 2023

Programa Lectura e familias no IES Xulián Magariños de Negreira: xénese dun proxecto

 Entre os obxectivos da Biblioteca escolar do centro para o presente curso 2022-23 estaban afondar nas liñas de colaboración coas institucións da contorna  e conseguir a participación das familias do alumnado nas actividades desenvolvidas desde a biblioteca escolar. Por iso vimos na 2ª edición do Programa Lectura e familias (convocado no mes de novembro de 2022) unha posibilidade de desenvolver un conxunto de actividades no marco do Programa Lía 2021-2025 que nos permitisen avanzar nestes obxectivos. 


Para iso, desde o equipo da Biblioteca, elaboramos e presentamos unha proposta de participación no programa que contaba coa colaboración da ANPA A Barcalesa e da Biblioteca Municipal de Negreira. No mes de decembro soubemos que estabamos entre os 50 centros preseleccionados e, por ese motivo, convocamos unha presentación do proxecto ás familias que tivo lugar na tarde do martes 20 de decembro no Salón de Actos do IES e no mes de xaneiro comezamos coas nosas actividades. A principios de febreiro soubemos que a nosa selección tiña carácter definitivo.

O noso proxecto para este curso está composto por 3 liñas de actividades:

-Encontros literarios con autores/as do panorama literario galego contemporáneo en colaboración coa ANPA A Barcalesa. Con esta iniciativa pretendemos achegar ás familias do noso alumnado a posibilidade de reunirse con escritores/as contemporáneos e familiarizalas coa situación da literatura galega actual.

-Lecturas en familia, en colaboración co ENDL do IES e tamén coa ANPA. Iniciativas que consisten en promover actividades de lectura e investigación compartidas entre as familias e o alumnado e convertelas, ademais, en espazos de socialización.

-Programa de Alfabetización mediática e Informacional de colaboración coa Biblioteca Municipal de Negreira. Desde a Biblioteca do IES os martes pola tarde e desde a Biblioteca Municipal os sábados pola mañá, ofrecerase ás familias do alumnado do IES un espazo fóra do horario lectivo para desenvolver o estudo e o acceso á información. 

Recolleita de cantares populares das nosas familias: Os nosos cantares (marzo-xuño)

 No mes de marzo iniciouse a 2ª actividade pertencente ás Lecturas en familia. Baixo o nome de Nicrariense musical pretendía a posta en valor da tradición musical e literaria da comarca Terra de Barcala a través da recuperación de cantigas / cantares populares asociados a festas, tradicións, costumes, etc.

Como 1º parte do proxecto, o alumnado de 3º da ESO e de 1º de Bach debería entrevistar a un membro da súa familia ou veciñanza para obter información sobre as celebracións tradicionais e conseguir unha interpretación musical (gravada) dalgunha peza destas características.

Co conxunto das pezas conseguidas pretendíase facer unha pequena publicación que incluíse as pezas musicais recollidas polo alumnado, así como divulgar a experiencia a través das canles dixitais do propio centro educativo.

Como 2ª parte do proxecto, invitaríase ás familias do alumnado participante no proxecto ou a aquelas persoas entrevistadas para o mesmo a unha xornada de convivencia no centro cun grupo de música tradicional galega para a posta en valor da nosa música tradicional.

Nesta ocasión, o alumnado de 3º da ESO e de 1º de Bach do noso IES, coordinado por dúas profesoras do equipo da Biblioteca, entrevistou ás súas familias e veciños para realizar gravacións de cantigas populares da Terra de Barcala (concellos de Negreira e A Baña), onde reside a maioría do noso alumnado. O proxecto excedeu as nosas expectativas posto que o alumnado recolleu tamén composicións doutros concellos onde teñen familia: así atopámonos con cantigas de concellos próximos como Santa Comba, Brión, Ames ou Santiago de Compostela, mais tamén doutros máis afastados como a Serra de Outes, Trazo, Ribeira ou Sarria. A calidade dos textos recollidos animounos á realizar unha selección dos mesmos e a preparar a súa edición en libro co fin de compartilo coa nosa contorna. 



A edición en libro, que pode descargarse gratuitamente neste enlace, vai acompañada das gravacións (en audio e vídeo) dos textos do libro para gozar tamén da calidade musical das mesmas. A dita antoloxía pode accederse neste enlace.

A presentación "oficial" da nosa publicación comezou o martes 20 pola mañá cunha entrevista en Radio Negreira na que unha das coordinadoras do traballo, acompañada de 3 dos alumnos participantes, presentaron o proxecto á comunidade e convidaron ás familias a asistir ao acto de presentación no salón de actos do IES pola tarde.

Esta entrevista pode descargarse nos podcats de Radio Negreira ou tamén escoitala directamente aquí:

O martes 20 de xuño, pola tarde, realizouse a presentación da publicación no centro educativo nun acto que contou coa participación das familias do alumnado e que foi amenizado musicalmente  polo grupo de pandereiteiras Limagoia, quen nos ofreceron unha clase maxistral sobre os instrumentos de percusión tradicionais.





 

Pódese acceder ás fotos e vídeos desta presentación neste enlace.

Encontros literarios con autores/as do panorama literario contemporáneo (marzo-abril)

En colaboración coa ANPA A Barcalesa, programáronse dúas charlas-coloquio con escritores do panorama literario galego que foron seleccionados, en grande medida, polas súas conexións coa  contorna máis próxima das nosas familias. A Biblioteca proporcionou información bibliográfica sobre os autores e o prestamo dos seus libros ás familias interesadas.

A 1ª delas tivo lugar o 14 de marzo e foi con Manuel Iglesias Turnes a propósito da súa obra narrativa.




A 2ª delas tivo lugar o 25 de abril con Mª Carmen Caramés, tamén a propósito da súa obra narrativa:







Actividades de alfabetizacion mediática e informacional e promoción da lectura (xaneiro-xuño 2023)

A Biblioteca do IES estivo aberta ás familias as tardes dos martes entre os meses de xaneiro e xuño e en cada unha delas programouse unha actividade relacionada coa competencia informacional e a coa promoción da lectura. Nos encontros que tiveron lugar os días 31 de xaneiro, 28 de febreiro, 11 de abril, 9 de maio, 23 de maio e 6 de xuño tiveron lugar as actividades máis centradas na alfabetización informacional. Nestas reunións amosouse o funcionamento e os recursos tanto da Biblioteca do centro como da Biblioteca Municipal de Negreira, as posibilidades da lectura dixital, presentáronse lecturas de interese para as familias do alumnado e escoitáronse as suxestións e os intereses destas, realizouse préstamo de materiais para as familias e tivo lugar tamén un Obradoiro impartido por Sonia García Galán: na 1º sesión (9 de maio) realizouse unha formación para as familias sobre mediación lectora e na 2ª (23 de maio) unha actividade conxunta para alumnado e familias co título “Libros para despois da apocalipse”, na que participaron as familias cos alumnos.

Aquí temos unhas fotos da 1º sesión



e da 2ª:








En todas estas sesións, as familias asistentes recibiron materias impresos de recomendacións lectoras, listados temáticos de libros ou de autores, etc.

Na última reunión do curso, o martes 6 de xuño, realizouse coas familias asistentes unha sesión de avaliación das actividades desenvolvidas ao longo destes 6 meses, así como da posibilidade de continualas de cara ao vindeiro curso. Tamén se lles fixo entrega dun Boletín de recomendacións lectoras para o verán preparado especialmente para as familias e que tamén foi compartido a finais de curso con toda a comunidade educativa a través da páxina web do centro.


 

Celebración do Día da Lingua Materna e do Día de Rosalia (23.2.2023)

 Esta actividade marcou o iniciou das Lecturas en familia, actividades conxuntas entre alumnado e familias promovidas pola Biblioteca escolar. Neste caso, colaboramos tamén coa ANPA, o EDNL e co Departamento de Xeografía e Historia do centro para o desenvolvemento desta actividade na que faciamos coincidir dúas celebracións ben importantes con calendario escolar. Na realización da actividade participou alumnado de todos os niveis educativos do centro e asistiu como público o alumnado de 1º e 2º da ESO. O alumnado de 1º de Bach presentou a actividade e realizou as lecturas de homenaxe a Rosalía de Castro (tanto poéticas como do manifesto da AELG para este día); 






o alumnado de FPBásica elaborou os textos da montaxe visual que acompañaba toda a actividade e, finalmente, alumnado do centro e as súas familias realizaron a lectura do texto de Álvaro Cunqueiro "Mil primaveras máis para a lingua galega" en cada unha das linguas presentes entre o alumnado do noso IES. O texto foi lido en galego:


En castelán:


En portugués (do Brasil):

En éuscaro:


En catalán:


En romanés:


En francés:


En italiano:


En alemán: 


En inglés:



En árabe:



E en chinés:


As familias colaboraron na tradución dos textos e moitos deles acompañaron tamén na lectura dos mesmos.

O vídeo completo da actividade pode consultarse aqui.


Programa Lectura e familias no IES Xulián Magariños de Negreira: xénese dun proxecto

 Entre os obxectivos da Biblioteca escolar do centro para o presente curso 2022-23 estaban afondar nas liñas de colaboración coas institució...