No mes de marzo iniciouse a 2ª actividade pertencente ás Lecturas en familia. Baixo o nome de Nicrariense musical pretendía a posta en valor da tradición
musical e literaria da comarca Terra de Barcala a través da
recuperación de cantigas / cantares populares asociados a festas,
tradicións, costumes, etc.
Como 1º parte do
proxecto, o alumnado de 3º da ESO e de 1º de Bach debería entrevistar a un membro da súa familia
ou veciñanza para obter información sobre as celebracións
tradicionais e conseguir unha interpretación musical (gravada)
dalgunha peza destas características.
Co conxunto das
pezas conseguidas pretendíase facer unha pequena publicación que
incluíse as pezas musicais recollidas polo alumnado, así como divulgar a experiencia a través das canles
dixitais do propio centro educativo.
Como 2ª parte do
proxecto, invitaríase ás familias do alumnado participante no
proxecto ou a aquelas persoas entrevistadas para o mesmo a unha
xornada de convivencia no centro cun grupo de música tradicional
galega para a posta en valor da nosa música tradicional.
Nesta ocasión, o alumnado de 3º da ESO e de 1º de Bach do noso IES, coordinado por dúas profesoras do equipo da Biblioteca, entrevistou ás súas familias e veciños para realizar gravacións de cantigas populares da Terra de Barcala (concellos de Negreira e A Baña), onde reside a maioría do noso alumnado. O proxecto excedeu as nosas expectativas posto que o alumnado recolleu tamén composicións doutros concellos onde teñen familia: así atopámonos con cantigas de concellos próximos como Santa Comba, Brión, Ames ou Santiago de Compostela, mais tamén doutros máis afastados como a Serra de Outes, Trazo, Ribeira ou Sarria. A calidade dos textos recollidos animounos á realizar unha selección dos mesmos e a preparar a súa edición en libro co fin de compartilo coa nosa contorna.
A edición en libro, que pode descargarse gratuitamente neste enlace, vai acompañada das gravacións (en audio e vídeo) dos textos do libro para gozar tamén da calidade musical das mesmas. A dita antoloxía pode accederse neste enlace.
A presentación "oficial" da nosa publicación comezou o martes 20 pola mañá cunha entrevista en Radio Negreira na que unha das coordinadoras do traballo, acompañada de 3 dos alumnos participantes, presentaron o proxecto á comunidade e convidaron ás familias a asistir ao acto de presentación no salón de actos do IES pola tarde.
Esta entrevista pode descargarse nos podcats de Radio Negreira ou tamén escoitala directamente aquí:
O martes 20 de xuño, pola tarde, realizouse a presentación da publicación no centro educativo nun acto que contou coa participación das familias do alumnado e que foi amenizado musicalmente polo grupo de pandereiteiras Limagoia, quen nos ofreceron unha clase maxistral sobre os instrumentos de percusión tradicionais.
Pódese acceder ás fotos e vídeos desta presentación neste enlace.